Saltar ao contido

Memphis rap

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Memphis rap
Orixe musicalHip hop do sur, Horrorcore, Gangsta rap, lo-fi, Rap da costa este.
Orixe culturalMaediados da década de 1980, Memphis, Tennessee, Estados Unidos
Instrumentos típicosSecuenciador, Sampler, Teclado, Caixa de ritmos e sintetizador

O rap de Memphis refírese tanto á escena do rap en Memphis, Tennessee, como ao subxénero musical, Memphis rap, que xurdiu alí na década de 1990.

Aparición do rap en Memphis

[editar | editar a fonte]

A aparición do hip hop en Memphis (Tennessee) remóntase á década de 1980. Popularizouse nas discotecas locais, onde a escena estaba entón na orixe de varios bailes de hip hop, o gangsta walk e o buckin & jookin. Desta nova onda xurdiron varios disc-jóckeis importantes: DJ Spanish Fly, DJ Squeeky, DJ Paul e Juicy J.[1][2] A canción dos rapeiros Kool K e Soni D, I Need Money, foi a primeira canción de rap lanzada en Memphis, e o sinxelo de W-Def, Ain't Nothing Like the Bass, foi a primeira canción local en chegar a radio.[3] DJ Spanish Fly, que naquel momento estaba a mesturar nunha discoteca, foi un dos primeiros en darlle ao rap de Memphis unha identidade musical propia cos seus experimentos lentos coa música electro. Introduce letras sinistras na escena así como o uso do Roland TR-808, Triggerman e subbaixos. Vendía os seus casetes de rap nas festas nas que tocaba, sendo as súas cancións demasiado cruas para ser tocadas en disco.[4][5]

Período de horrorcore e música buck

[editar | editar a fonte]

Na década de 1990, a escena rap de Memphis era coñecida polo seu peculiar son de horrorcore, pimp rap e gangsta rap, moitas veces chamada música buck ou devil shit.[1][6] DJ Squeeky foi un dos deseñadores de son do rap de Memphis de principios dos anos 90 e produciu para moitos rapeiros, incluíndo 8Ball and MJG, Skinny Pimp e Al Kapone.[4] Varios artistas da escena rap de Memphis eran fillos de artistas soul de Memphis, como Gangsta Pat e Jazze Pha, ambos fillos dos membros de Bar-Kays.[3] O legado do soul de Memphis tamén se transmitiu a través da mostras, os artistas hip hop de Memphis adoitaban usar mostras de temas de Stax Records. Outras influencias no rap de Memphis inclúen o rap East Coast, o rap West Coast e o Miami bass.[7]

En 1991, Gangsta Pat converteuse no primeiro rapeiro de Memphis en lanzar un álbum cas grandes discográficas coa reedición do seu álbum #1 Suspect publicado en Atlantic Records.[4] Malia todo, o seu éxito seguiu sendo local. O dúo 8Ball and MJG conseguiron que a xente falase do xénero a escala nacional grazas ao seu álbum On Top of the World, que entrou na oitava posición no Billboard 200 e acabou cun disco de ouro.

A escena rap de Memphis estivo chea de conflitos durante esta década. A escena está dividida entre DJ Squeeky e DJ Zirk por un lado e Skinny Pimp e Three 6 Mafia por outro. Os dous bandos insultábanse e denigrábanse entre si nas súas cancións. DJ Squeeky acusaba a Three 6 Mafia de roubarlle o seu estilo de produción e tamén tiña unha disputa con Kingpin Skinny Pimp despois de que este o agredira azoutándolle cunha pistola.[4][5] Outro beef salientable é o de varios artistas da escena de Memphis, entre eles Three 6 Mafia, Tommy Wright III e Playa Fly, contra o grupo Bone Thugs-N-Harmony. A banda de Cleveland foi acusada de copiar o seu estilo, e Three 6 Mafia lanzou o EP Live by Yo Rep para ir tras Bone Thugs-N-Harmony.

As cancións de rap de Memphis da década de 1990 adoitan ser repetitivas e escuras e incorporan unha caixa de ritmos, xeralmente un Roland TR-808 ou un Boss DR-660,[8] con mostras vocais ameazadoras e lentas,[1] así como mostras de bandas sonoras de películas de funk, soul e terror.[8] Segundo Zandria F. Robinson, "O son característico da maioría das melodías de hip hop de Memphis son os platillos hi hat continuos que adoitan ocorrer en conxuntos de dobes corcheas, puntuados por diferentes ritmos cunha caixa, especialmente nos segundos e cuartos de cada compás”.[7]

Os rapeiros adoitaban empregar voces cun ton agudo, fluídos en compases binarios e ternarios,[8] así como rap tarareado.[6] Tamén practican a chamada e resposta, herdadas dos DJs das discotecas locais.[7] Liricamente, levan o rap gangsta ao extremo contando sórdidas historias de asasinatos, con algúns rapeiros como Three 6 Mafia chegando a implementar o satanismo nos seus temas.[1][6] O rap de Memphis adoita gravarse en gravadoras de 4 pistas.[5]

Os raiperos de Memphis adoitan lanzar os seus traballos de forma independente en formato casete, o que dá un son lo-fi ao rap de Memphis.[1][2][8] Estes casetes distribuironse xeralmente en tendas de radio, de automóbiles, en discotecas e fóra das escolas. O rap de Memphis tivo entón un éxito principalmente local e foi pouco escoitado fóra de Tennessee, Arcansas e Mississippi.[5]

Éxito nos anos 2000

[editar | editar a fonte]

Na década dos 2000, o rap de Memphis gozou de fama internacional grazas ao grupo Three 6 Mafia, que recibiu un grande éxito co seu disco Most Known Unknown así como a súa participación na banda sonora da película Hustle and Flow, que levou un Óscar.[2] O crunk, orixinario de Memphis, tamén estaba a gozar dun grande éxito grazas ao rapeiro de Atlanta Lil Jon.[1] Nesta década tamén xurdiu o rapeiro Yo Gotti, que acadou o éxito nacional. O produtor Drumma Boy, que comezou a súa carreira producindo para artistas de Memphis, trasladouse a Atlanta para producir artistas locais, onde obtivo un grande éxito. Pola súa banda, Evil Pimp e o seu grupo Krucifix Klan continúan coa tradición horrorcore de Memphis.

Na década de 2010, a escena rap de Memphis perdeu a súa singularidade musical ao adaptarse ás tendencias trap do Southern Rap da época. Segundo The Fader, a partir de 2011, Yo Gotti era o rapeiro máis popular da cidade. Outros rapeiros como Young Dolph, Don Trip e BlocBoy JB tamén manteñen viva a escena local.[1] O estudo de gravación de Traphouse Studios é un dos lugares nos que a escena evoluciona. Despois dun rexurdimento do son de Memphis dos 90, Three 6 Mafia volve a estes sons co seu subgrupo Da Mafia 6ix16. En 2014, estalou un conflito entre Yo Gotti e Young Dolph despois de que este último desprezase o selo Collective Music Group de Yo Gotti. Este beef ve nacer varias cancións entre os dous rapeiros, e vaise intensificando ata o tiroteo de Young Dolph en 2017.

Na década de 2020, apareceu unha nova onda de rapeiros: Duke Deuce, que retomou os sons crunk da cidade nos anos 2000; NLE Choppa; Paper Route Empire o selo de Young Dolph que conta con moitos novatos como Key Glock, Big Moochie Grape e Kenny Muney.

Influencia

[editar | editar a fonte]

Segundo Zandria F. Robinson, os hi hats continuos son unha innovación estilística da escena hip hop de Memphis que foi amplamente tomada por outras escenas do Southern Hip hop para forxar unha identidade sureña na súa música.[7] A escena rap de Atlanta en particular está inspirada no rap de Memphis. Na década de 2000, rapeiros como Lil Jon e Pastor Troy adoptaron o son crunk de Memphis e popularizárono. A música trap, orixinaria de Atlanta, ten grandes influencias do rap de Memphis. Segundo The Fader, o rapeiro de Atlanta Gucci Mane está influenciado polos rapeiros de Memphis Playa Fly e Project Pat.[1]

Na década de 2010, o son do rap de Memphis da década de 1990 experimentou un rexurdimento entre os artistas novos, principalmente fóra da propia Memphis. Segundo The Fader, o produtor de Virginia Lex Luger está influenciado polo son do rap de Memphis dos anos 90. Colaborou nos seus primeiros tempos co rapeiro Juicy J.[1] De novo en Virxinia, o rapeiro e produtor Lil Ugly Mane tamén se viu influenciado por este son no seu álbum Mista Thug Isolation.

En Miami, o colectivo Raider Klan está, segundo HipHopDX, "á vangarda dun rexurdimento do son horrorcore de Memphis". Entre os seus membros, SpaceGhostPurrp amosa a influencia no seu rap pero sobre todo a través das súas producións, mentres que Denzel Curry adopta os temas líricos do horrorcore de Memphis e utiliza fluxos inspirados en Lord Infamous de Three 6 Mafia.[2]

A escena rap de SoundCloud tamén inclúe rapeiros inspirados no rap de Memphis da década de 1990, como Suicideboys, Ghostemane ou Bones, do que toman prestados recursos estilísticos e sons.[8]

O son do rap de Memphis da década de 1990 tamén deu lugar ao xénero phonk, unha música descrita por Thésaurap como "ás veces perturbadora e hipnótica", que tamén inclúe influencias trap e vaporwave. O propio phonk está experimentando un desenvolvemento chamado drift phonk, particularmente popular en Rusia e tamén moi influenciado polo rap de Memphis.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 "Memphis Rap: Parting The Dark Clouds". thefader.com. Consultado o 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Memphis : le côté obscur du Dirty South". radiofrance.fr. Consultado o 2023. 
  3. 3,0 3,1 Roni, Sarig (2007). Third coast : OutKast, Timbaland, and how hip-hop became a southern thing. Da Capo Press. ISBN 978-0-306-81430-3. OCLC 83609447. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "The Unsung Heroes of Early Memphis Rap". redbullmusicacademy.com. Consultado o 2023. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Underground & Infamous: Part I". futureaudioworkshop.com. Consultado o 2023. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "Lucas Foster’s Essential Introduction to the Memphis Hip-Hop Underground". passionweiss.com. Consultado o 2023. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Hess, Mickey (2010). Hip hop in America : a regional guide. ISBN 978-0-313-34322-3. OCLC 609884046. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 "A Guide to Memphis Rap’s New Wave". theface.com. Consultado o 2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]